![]() |
|
|
|
A I+D+I A Nova Economía, a Sociedade da Información, a Era Dixital, a Economía en Rede… son términos que desde hai uns anos aparecen constantemente nos medios de comunicación. A sociedade estase a transformar a unha velocidade vertiginosa e os cambios nas relacións económicas e sociais tradúcense en novos modelos de negocio e en novas formas de competir. A globalización da economía, coa desaparición das barreiras do comercio, a caída dos vellos monopolios e a intensificación da competencia a nivel internacional está facilitando o acceso a novos mercados. Neste novo escenario da Sociedade da Información e do Coñecemento os mercados son moito máis áxiles e transparentes. Ademais, os clientes están moito máis informados e son considerablemente máis esixentes, solicitando todo tipo de información sobre a empresa e os seus produtos, demandando solucións totalmente personalizadas e adaptadas ás súas necesidades. O ritmo de cambio acelerouse de forma dramática: os ciclos de vida dos produtos redúcense notablemente, a evolución dos negocios estase a producir a pasos axigantados e a economía reacciona en tempo real ás noticias e os eventos, nuns mercados globalizados que operan de forma ininterrumpida. Na sociedade da información e do coñecemento a innovación permanente convértese na única fonte de vantaxe competitiva. Os cambios tecnolóxicos e a globalización de mercados introducen novos retos para calquera empresa, nun contorno onde as máquinas e os coñecementos fican obsoletos con maior rapidez.
A investigación, a innovación, a creatividade e a xestión do coñecemento son factores determinantes para a supervivencia das empresas, e as cooperativas non poden ser alleas a este proceso. As cooperativas están obrigadas a mellorar continuamente a súa capacidade para estaren ao corrente dos cambios tecnolóxicos, adaptárense, introduciren innovacións de grande alcance e reorganizaren as súas estruturas societarias. Hai que efectuar enormes investimentos nos chamados “activos intanxibles”, tales como actividade innovadora, calidade total, recursos humanos e estruturas flexíbeis. |
||||||||
| Xunta de Galicia. Consellería de Traballo e Benestar. Dirección Xeral de Relacións Laborais. Rúa San Lázaro s/n. 15781 Santiago de Compostela |
Aviso legal | Suxestións info@innovacioncooperativas.com |